lei galega de saúde mental

A ILP para crear unha Lei Galega de Saúde Mental foi rexeitada no Parlamento de Galicia pese a teren recollido máis de 17.000 sinaturas.

Dende Salma propuxemos a creación dunha Lei Galega de Saúde Mental, porque consideramos que este apartado da saúde está a ser desatendido, e isto pode supoñer graves problemas no futuro, non so para as persoas afectadas e os seus entornos, senon para a sociedade galega no seu conxutno.

Tras recibir o respaldo de máis de 17.000 persoas, o Parlamento de Galicia decidiu non tomar esta proposta en consideración, cos votos en contra do Partido Popular, a abstención do PSdG-PSOE, e os votos a favor do BNG.

Aquí podedes ver a nosa intervención ante o Parlamento de Galicia, na que expoñemos a necesidade de protexer esta área da saúde, así como as réplicas dos distintos grupos parlamentarios, nas que expoñen os seus argumentos a favor ou en contra da lei.

Serviu para algo

A pesares de non sentirnos escoitadas, pensamos que o traballo valeu a pena. Confiamos en que esta chamada de atención sirva para alertar á administración de que o nivel de esixencia da sociedade galega para coa saúde mental aumentou de xeito irreversible, e de que o sufrimento de moitas personas non puede ser ignorado ou silenciado.

Tamén agardamos que a nosa iniciativa servira para dar forzas e inspirar a todas esas persoas coas que temos falado, tanto persoas diagnosticadas que se sinten esquecidas, como familiares extenuados ou profesionais queimados... para que non baixen os brazos. Entre todos e todas podemos elevar un cambio a mellor, dende abaixo cara arriba, na saúde mental.

Grazas por axudarnos!

Grazas á vosa colaboración conseguimos superar amplamente o obxectivo das 10.000 sinaturas necesarias para levar ao Parlamento de Galicia a Iniciativa Lexislativa Popular por unha Lei Galega de Saúde Mental.

Queremos agradecer a todas as persoas que decidiron apoiar esta iniciativa coa súa sinatura, e en especial aos máis de 120 voluntarios e voluntarias que actuaron como embaixadores da mesma, abrindo unha conversa sobre a saúde mental no seu ámbito familiar, social e laboral, contribuíndo así a combater pouco a pouco o estigma dentro das súas comunidades.