Acordo pola mellora da saúde mental
na infancia e na adolescencia
na infancia e na adolescencia
A saúde mental na infancia e a adolescencia en Galicia
O coidado da saúde mental na infancia e na adolescencia conta con problemas estruturais como o déficit de profesionais, a falta de programas preventivos, a distribución desigual dos servizos no territorio, ou as dificultades de coordinación das unidades especializadas cos servizos locais de proximidade, como son os de atención primaria, os centros escolares e os puntos de atención social dos concellos.
Entidades internacionais como UNICEF, e o propio Plan de Saúde Mental de Galicia alertan sobre esta situación e sinalan estas deficiencias, que "limitan o avance na implementación do modelo de recuperación biopsicosocial e previr as situacións máis graves".
Vídeo polo Día da Infancia da Fundación Salma en colaboración coa POIG
O Acordo pola mellora da Saúde Mental Infanto-Xuvenil
Faise preciso abordar estes problemas de maneira decidida, cunha estratexia coordinada e pactada coa sociedade, con medidas, consensuadas coa comunidade educativa e con todos os axentes implicados no coidado comunitario da saúde mental, para garantir e consolidar unha adecuada atención sanitaria e acceso á protección social á poboación galega en xeral e á infancia e a mocidade en particular.
Por iso estamos a traballar nun gran Acordo para a Mellora da Saúde Mental Infanto Xuvenil en Galicia, ao cal estanse a sumar moitas entidades locais, asociacións, centros educativos e profesionais de diversas ramas relacionadas coa saude mental e os servizos sociais e educativos. Tras unha diagnose consensuada na que se detectaron as principais problemáticas, recompiláronse varias propostas de mellora dos servizos, que quedaron recollidas nun documento-borrador (que podedes descargar abaixo nesta páxina).
Un consenso sobre a saúde mental infantil e xuvenil
O obxectivo do Acordo é servir de semente para o consenso entre os distintos grupos parlamentarios. Búscase con el impulsar un gran acordo a nivel autonómico encamiñado a mellorar a atención e prevención dos problemas de saúde mental, que tan gravemente afectan á infancia e a adolescencia en Galicia, reducindo súas oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional.
O borrador coas propostas inicias foi enviado á Xunta de Galicia a través das canles de paticipación do Programa Operativo para a captación de fondos europeos FSE+ 2021-2027, solicitando que sexan incluidas neste programa. O texto definitivo, coas sinaturas de numerosas asociacións, colectivos profesionais e concellos de todas as cores políticas, foi presentado en outubro aos grupos do Parlamento de Galicia para solicitar a implementación das melloras máis urxentes, e o establecemento das canles de colaboración interdepartamental necesarias para poñer en marcha as medidas.
Durante os seguintes meses continuaremos a divulgar e sumar apoios ao Acordo, favorecer o consenso, e a traballar pola súa implementación.
* queda prohibida a reprodución do material contido nesta documentación *